Os papeis de Panamá serían a meirande filtración na historia do xornalismo de datos

luns, 4 de abril do 2016 Marcus Fernández

As filtracións de datos segredos que máis proxección mediática tivo nos últimos anos foi a de WikiLeaks, que en 2010 consistiu na distribución de 1,7 GB de información confidencial, que deu moito xogo durante meses, á que seguiron outras filtracións de datos relativos a operacións bancarias ou acordos relativos ao pagamento de impostos de volumes semellantes, que veñen quedar nunha escala ridícula se atendemos aos novos datos que están a circular tras unha intrusión informática, xa que os chamados papeis de Panamá ocupan un total de 2,6 TB, polo que o propio Edward Snowden o define como a meirande filtración na historia do xornalismo de datos.
Os documentos filtrados inclúen información manexada pola firma legal panameña Mossack Fonseca, que asesora a numerosas empresas nas súas operacións internacionais e conta cuns 600 traballadores repartidos en 42 países, con especial actividade en paraísos fiscais onde manexarían fondos de máis de 200.000 empresas, normalmente a través de intermediarios, facendo bastante complicado saber quen son os auténticos propietarios dos cartos depositados en paraísos fiscais.
Os máis de 11,5 millóns de documentos filtrados levan meses sendo tratados por uns 370 reporteiros de 100 medios diferentes, conseguindo así debullar a información para denunciar numerosas operacións de branqueo de cartos e a existencia de numerosas empresas opacas. Fálase de que en España estarían afectadas pola filtración unhas 1.200 sociedades, 558 accionistas, 166 clientes intermediarios e 89 beneficiarios, entre os que non faltan políticos, deportistas e grandes magnates, aínda que diversos medios están a dar conta que boa parte do capital oculto en paraísos fiscais tería sido regularizado coa amnistía fiscal de 2012.

PUBLICIDADE