Os portátiles Dell Latitude Z poderán cargar a súa batería sen fíos

martes, 29 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Dell presentou un novo ordenador portátil pensado para o público profesional, o Dell Latitude Z600 (primeiro da serie Z) que conta cunha pantalla de 16 polgadas, ten un grosor de só 14 milímetros e, especialmente, estrea un sistema de carga de batería sen fíos, de xeito que pode recargarse o equipo con só situalo sobre unha base especial.
O equipo tamén inclúe tecnoloxía Instant On para poder realizar tarefas rápidas a través da Internet grazas a que carga un sistema operativo moi básico que só inclúe o básico (navegador baseado en Mozilla, xestor de correo electrónico, calendario…), e que curiosamente non funciona co procesador principal do portátil (un Intel Core 2 Duo), senón que emprega un procesador ARM separado (e coa súa propia placa base), de xeito que neste modo de funcionamento o seu consumo é moi reducido (permitindo unha autonomía de ata 2 días fronte as 4 horas que aguanta correndo Windows).
A pantalla dos Dell Latitude Z inclúe controis táctiles no seu lateral (invisibles a simple vista) de xeito que pode facerse desprazamento por páxinas web e documento e mesmo aproveitarse para lanzar aplicacións.


Vídeo de presentación oficial dos Dell Latitude Z

PUBLICIDADE