Os premios Argos recoñecen un proxecto de comunicación TIC accesíbel

venres, 17 de xullo do 2020 S. P.

A sétima edición do programa Argos da Universidade de Santiago, destinado a enxalzar e impulsar a creación de equipos emprendedores, xa ten gañadores dos seus premios: un proxecto para a comercialización de feromonas naturais, da man do proxecto BioPher, e unha proposta para contribuír á comunicación accesíbel, Sensa Comunicación.
Os galardóns entregáronse este venres 17 de xullo no Colexio de Fonseca en Santiago. No acto participaron, entre outros, o vicerreitor Gumersindo Feijoo, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, a responsábel da Área de Formación e Economía do Coñecemento da Deputación de Lugo, Ana González Abelleira, e máis o director da Área de Servizos da axencia GAIN, Pedro Arenas Barreiro.
Sensa Comunicación (Axencia de Comunicación Accesible) pretende proporcionar produtos e servizos para administración pública e empresas, adaptando as TIC a persoas con diversidades funcionais. Mediante a produción e desenvolvemento de novas ferramentas dixitais, os contidos das páxinas web, aplicacións e da comunicación en xeral estarán en formato accesíbel para persoas con discapacidade auditiva, visual ou intelectual.
No acto celebrado no salón nobre do Colexio de Fonseca tamén participaron a subdirectora da Oficina Galicia Emprende da Área de Competitividade do IGAPE, Fany Suárez Mansilla; e o director da AVTE da USC, José Luis Villaverde Acuña.
Na presente edición concorreron un total de oito equipos, cinco na modalidade Spin e os tres restantes na de Enxeño. A primeira das categorías abrangue proxectos baseados en resultados de investigación da USC e a segunda é para os xurdidos de ideas propias ou empresas da contorna dos Campus de Lugo e Santiago. Cada modalidade vén con 3.000 euros de contía. Os premios inclúen seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación. Argos é unha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. O programa conta ademais co apoio da Deputación de Lugo, IGAPE e GAIN.
O xurado
O xurado dos premios estivo conformado polo director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde Acuña; o técnicos de servizos xerais da Área de Competitividade do IGAPE, Roberto Vieites Rodríguez; o axente de desenvolvemento local do Servizo de Apoio á Empresa da Oficina de Promoción do Concello de Santiago, Cándido Fernández Ferreirós; a técnica da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Verónica Castelo Liñares; a xefa de sección de Promoción Económica e Emprego da Deputación de Lugo, Julia Vázquez Silvarrey; e o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán Ramón Doldán García.

PUBLICIDADE