Os premios Lugo Cambia distinguen unha aplicación para promover a gastronomía de Chantada

xoves, 10 de setembro do 2020 S. P.

O presidente da Deputación José Tomé

A Deputación de Lugo, a través do Consello Provincial de Turismo, deu a coñecer as iniciativas gañadoras da primeira edición dos premios Lugo Cambia ao turismo lucense, entre as que se atopa unha ferramenta directamente encamiñada a promover no mundo a gastronomía-hostalería do concello de Chantada: a aplicación Xantarda. Tamén se decidiu distinguir, nesta primeira convocatoria, ao Concello do Vicedo, á asociación de desenvolvemento rural da Serra do Courel (moi envorcada no plano tecnolóxico), á Fundación Uxío Novoneyra e ao Restaurante Cantábrico da Fonsagrada.
“Máis alá das persoas, establecementos, institucións ou entidades gañadores, penso que, neste momento, estes premios simbolizan un recoñecemento conxunto ao traballo realizado pola hostalería e polo turismo da nosa provincia, que amosaron unha grande capacidade de resposta”, subliñou a respecto deste certame e da súa resolución o presidente da Deputación, José Tomé.
O xurado estivo formado por 21 persoas relacionadas co turismo da provincia e Deputación, dándolle voz a asociacións, entidades e grupos políticos con representación na corporación provincial
Estes distintivos teñen por misión recoñecer publicamente a dedicación de distintas empresas, persoas, institucións ou entidades, os méritos polo traballo realizado en prol do desenvolvemento, do fomento e da promoción turística provincial, a traxectoria profesional e a posta en marcha de actuacións innovadoras e exemplares que teñan unha repercusión positiva no ámbito do turismo ou da gastronomía lucense.
Os premiados
· O Concello do Vicedo recibe galardón por “desenvolver iniciativas e proxectos ligadas ao turismo sustentábel e responsábel”. É o caso dos Mércores de Natureza, a través dos que se impulsan actividades de turismo activo, nas que se mesturan accións deportivas, ornitolóxicas, de natureza e xeolóxicas. Tamén pola introdución dun conxunto de medidas para controla e mellorar a experiencia dos visitantes que acoden a coñecer o Fuciño do Porco e, entre outras, impulsar a Romaxe Viquinga, un evento vencellado ao patrimonio e á historia deste municipio da Mariña.
· Á asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel recoñéceselle a súa dedicación e traxectoria profesional e exemplar con continuidade dende o ano 1998, o impulso de accións innovadoras para crear produtos turísticos como o Courel Son ou a posta a disposición de ferramentas tecnolóxico-dixitais como as páxinas web turismocourel.es e vivindocourel.es. Ademais, desenvolve iniciativas ligadas co turismo sustentábel, como a elaboración de guías de boas prácticas, rutas de interpretación ambiental, e entre as múltiples actividades que ten en marcha, traballa pola recuperación dos bens do patrimonio cultural e natural.
· No caso da Fundación Uxío Novoneyra, o xurado premiou a súa dedicación e traxectoria profesional como institución, o desenvolvemento de accións innovadoras en materia de creación de produtos turísticos, o impulso de accións innovadoras e tamén o férreo traballo en prol da calidade turística.
· A aplicación Xantarda – Onde queres ir a comer hoxe? resulta distinguida por ofrecer información sobre os restaurantes e bares de Chantada, con información pormenorizada das súas cartas, menús do día, horarios e localizacións. “Un traballo de dixitalización da hostalería local ofrecendo información actualizada aos visitantes e turistas, achegándoos á cociña de proximidade”, destacou o xurado.
· Tamén en gastronomía resultou galardoado o Restaurante Cantábrico da Fonsagrada por sacar adiante accións de promoción e fomento do consumo de produtos autóctonos por parte de empresas de restauración, profesionais independentes, entidades e colectivos públicos ou privados.
Entrega de premios
O premio ten carácter honorífico e consistirá na entrega dun diploma acreditativo e dun agasallo que nesta anualidade será unha peza de artesanía tradicional da provincia de Lugo. O día 27 de setembro, Día Mundial do Turismo, está previsto a celebración dun acto salón de actos do Pazo de San Marcos para entregar estas distincións aos premiados.
Esta é a primeira edición dos galardóns e está previsto que teñan carácter anual, segundo acordou o Consello Provincial de Turismo.

PUBLICIDADE