Os principais recursos tecnolóxicos para a empregabilidade, ao detalle nun seminario virtual do Campus de Lugo

luns, 27 de abril do 2020 S. P.

A Universidade de Santiago vai achegar estes días formación virtual sobre como elaborar un currículo, como facer unha carta de presentación ou como crear un perfil profesional a través do servizo LinkedIn. Trátase de sesións directamente encamiñadas a tirar o máximo proveito deste tempo de confinamento para mellorar a empregabilidade e o adestramento tecnolóxico das e dos estudantes e titulados. As sesións, incluídas nun seminario virtual sobre ferramentas de inserción no mercado organizado pola Área de Orientación Laboral e Emprego da USC no Campus de Lugo, recibiron a semana pasada máis de 40 solicitudes e inscrición.
A técnico deste servizo universitario, Gloria Cruz Amil, comentou que o seminario virtual permitirá ás persoas que o completen adquirir coñecementos e competencias para a elaboración do seu currículo e mesmo tamén do chamado currículo europeo ou Europass. A redacción e os contidos que debe incluír unha carta de presentación e a creación dun perfil propio na rede social LinkedIn completan o programa desta acción formativa en liña.
Segundo engadiu Cruz Amil, a metodoloxía do seminario “é sinxela” e porá o foco, tamén, na base dos coñecementos, participando as persoas inscritas (distribuídas en grupos de entre 10 e 15) nunha sesión inicial na que se explicará o cometido e a utilidade destas ferramentas de inserción laboral, trala que logo se achegará material ao alumnado para que completen e desenvolvan de xeito individual estes recursos tecnolóxicos. A supervisión e corrección destas tarefas e a posibilidade de participar en sesións e titorías individuais coa técnico da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC no Campus de Lugo é outra das posibilidades que ofrece este módulo virtual.
As persoas interesadas en participar neste programa poden solicitar a súa inscrición de balde a través dos enderezos de correo electrónico emprego.lugo@usc.es ou gloria.cruz@usc.es. As primeiras sesións deste módulo de inserción laboral desenvolveranse os días 27, 28 e 29 de abril, pero estas accións formativas virtuais terán continuidade no tempo de existir demanda.

PUBLICIDADE