Os provedores poderán presentar as súas facturas a Facenda por correo electrónico

luns, 5 de agosto do 2013 Redacción

Dende o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) da Consellería de Facenda veñen de anunciar que o Sistema de Facturación Electrónica (SPE) da Xunta de Galicia permitirá aos provedores presentar a partir de agora as súas facturas por correo electrónico. Esta nova funcionalidade facilitará tamén que se poidan coñecer a través do e-mail os estados de tramitación nos que se atopan as facturas. Segundo apuntaba na rolda de prensa desta mañá Mauro González -director xeral do CIXTEC- os provedores só terán que rexistrar no sistema o enderezo de correo electrónico a través do cal se vaian enviar as facturas, que deberán estar no formato adoptado pola Administración Pública (factura-e). Co sistema de facturación electrónica pódese realizar a xestión dende calquera lugar as 24 horas do día, dun xeito máis cómodo para o usuario (xa que se evitan desprazamentos e esperas), amais de achegar a máxima seguridade.
Na comparecencia perante os medios tamén se subliñou a pretensión que a Consellería de Facenda ten para levar a cabo outras accións de cara a acadar os obxectivos que obrigan a que o 15 de xaneiro de 2015 todas as facturas sexan electrónicas. Máis polo miúdo: o establecemento dun calendario para que as entidades do sector público autonómico que aínda non empregan a vía telemática se adhiran ao sistema; a promoción e divulgación do uso da factura telemática entre as empresas da Comunidade Autónoma e a realización dunha campaña directa de comunicación ás 2.000 empresas galegas que máis lle facturan á Xunta.
A xeito de resumo, Mauro González apuntaba que no que vai de ano máis do 44% do importe facturado á Xunta até o 15 de xullo era recibido por vía telemática; sendo electrónicas máis do 30% das facturas dos provedores da Administración autonómica, o que permite un aforro de 3,5 euros por cada unha delas. En Galicia rexistráronse preto de 37.000 facturas telemáticas, con máis de 633 millóns de euros pagados.

PUBLICIDADE