Os proxectos de estradas autonómicas incluirán canalizacións para telecomunicacións

venres, 28 de novembro do 2014 Redacción

Este xoves facíase pública a aprobación por parte do Consello da Xunta do decreto polo que se regulan as infraestruturas de soporte e os espazos de reserva para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas nas estradas autonómicas. Pola súa banda, o presidente do Goberno galego -Alberto Núñez Feijóo- informaba que o texto aprobado vai permitir impulsar o desenvolvemento das redes públicas de telecomunicacións en todo o territorio reducindo os custos asociados á obra civil (até un 80%).
Segundo explicou, trátase de expandir as redes de telecomunicacións aproveitando os proxectos de construción de novas estradas autonómicas, aforrando tempo e investimento. A isto engadiu que antes de iniciarse a obra coordinarase cos operadores de telecomunicacións para que manifesten cales son as súas necesidades e que reserva de canalizacións solicitan nos diferentes treitos da estrada proxectada. Unha vez finalizada a obra, os operadores poderán facer uso destas canalizacións a cambio do pagamento dunha taxa polo uso do dominio público.
Cómpre dicir que aínda que non houbese demanda, o decreto establece un mínimo de condutos que a Administración debe instalar, para poder atender as necesidades que poidan xurdir no futuro e co obxectivo de actuar con previsión e planificación para lograr sinerxías, evitar duplicidades e achegar un mellor servizo aos cidadáns.
Para rematar, o presidente da Xunta lembrou que esta normativa permitirá seguir coa extensión da banda larga no territorio galego, mellorando a calidade de acceso a Internet.

PUBLICIDADE