Os proxectos seleccionados por VíaVigo poderán recibir 125.000 euros

venres, 27 de xuño do 2014 Redacción

O programa de apoio e asistencia a emprendedores do Consorcio da Zona Franca, ViaVigo, vén de recibir un importante pulo á súa actividade. En base a este impulso, segundo informan os seus responsábeis directos, a aceleradora destinará aos dez proxectos seleccionados na súa segunda convocatoria un capital de 1.250.000 euros entre capital semente e achegas a fondo perdido, máis outros 250.000 euros en gastos de formación e consultoría. Estas cifras, engaden fontes do Consorcio, emprazan á aceleradora VíaVigo como a máis potente de todo o Estado español.
Así o fixeron saber os seus impulsores en rolda de prensa na mañá deste venres, unha cita cos medios na que participaron a delegada de Estado do Consorcio, Teresa Pedrosa, Manuel Varela, director da Axencia Galega de Innovación, Juan Cividanes, director de XES Galicia e Pedro Núñez, director de Vigo Activo SCR. No encontro coa prensa amosaron o acordo de participación da Xunta na aceleradora do Consorcio e anunciaron a ampliación do prazo de presentación de ideas até o 31 de xullo. En palabras de Pedrosa, “este convenio e esta importante achega de capital que vén de mans da Xunta nos proxectos de VíaVigo converten a aceleradora na mellor e máis potente lanzadeira empresarial de España”.
A delegada de Estado, amais de salientar o capital destinado, destacou tamén os activos intanxíbeis de VíaVigo, “a parte máis importante da aceleradora, porque nela dáse soporte a emprendedores e empresas que se atopan na súa fase inicial a través dun completo programa de maduración para o desenvolvemento que dura un ano e durante o cal se lles proporciona formación, titorías, traballo en equipo, aloxamento e asesoramento intensivo, co obxectivo de que as ideas de negocio saian ao mercado preparadas de abondo para chegar ser empresas de éxito”. Esta preparación, que deseña e asume na súa totalidade a Zona Franca, cuantificouse ao redor duns 25.000 euros por empresa.
Lembrar que VíaVigo é unha aceleradora de empresas e emprendedores deseñada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo que ten aberto o prazo de presentación de ideas da súa segunda convocatoria e á que desde este venres súmase a Xunta “para facilitar a creación de novas empresas que diversifiquen o tecido produtivo da comarca”, explicouse. De feito, dada esta nova participación de GAIN e XES Galicia, decidiuse dar “máis facilidades” e ampliar o prazo de inscrición de proxectos á segunda convocatoria de ViaVigo até o 31 de xullo.
Lembrar que na primeira edición 131 ideas de negocio de todo tipo de sectores (aínda que os proxectos TIC tiveron un presenza destacada, tal e como puidemos comprobar) presentáronse á primeira escolma das que finalmente dez xa están a piques de rematar a súa fase de aceleración “cun nivel de satisfacción ben alto entre todas elas”.

PUBLICIDADE