Os recursos TIC para combater a crise da COVID, ao detalle nos novos obradoiros de SmartPEME

luns, 27 de xullo do 2020 S. P.

Nesta recta final de xullo prosegue a formación tecnolóxica da rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra, en formato online pero cos mesmos cometidos que antes da COVID19: capacitar ás nosas pequenas e medianas empresas, profesionais e autónomos nas múltiples vertentes do ámbito dixital, co obxectivo de aumentar a súa produtividade, competitividade e empregabilidade. Estes días SmartPEME oferta cursos sobre fotografía dixital, Google Adwords, recursos turísticos contra a COVID ou técnicas de mercadotecnia dixital. Serán cinco novos obradoiros impartidos en liña e con dez prazas cada un.
Este luns impártese o curso Medidas para Enfrontar o Coronavirus no Teu Establecemento Turístico, a cargo da graduada en Turismo, Mariana Rosa. Para o martes 28 SmartPEME ten programado, a partir das 12 horas, un obradoiro titulado Fotografía de Produto para a Túa Tenda En Liña ou Ecommerce, que contará coa titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, Lara Taboada. O mércores 29, tamén ás 12 horas, será a quenda de Infoprodutos: Que Son e Como Crealos, impartido por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas.
Ao día seguinte, o xoves 30, ás 12 horas, Esther Garciñuno, diplomada en Ciencias Empresariais, impartirá Aprende a Promocionar a Túa Empresa con Pinterest. Para finalizar a semana, o venres 31, María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, ensinará ás e aos participantes unha Introdución a Google Adwords, tamén no horario habitual de 12:00 a 13:00 horas.

PUBLICIDADE