Os responsábeis da ferramenta de votación que usa Podemos queren levala ás eleccións de 2015

martes, 11 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

Os desenvolvedores de Agora Voting, Eduardo Robles e David Ruescas, á dereita da fotografía/ Imaxe de EQUO

A agrupación Podemos, alén de ideoloxías, é en boa medida unha agrupación 2.0. De feito, con excepción do Partido Pirata, non semella moi viábel atopar unha fronte política actual que nos recorde tanto ao funcionamento de determinadas colectividades dixitais, sobre todo as ligadas ao coñecemento aberto e ao software libre. Tanto nunhas coma noutras, todo se vota. E todas, para levar adiante as súas iniciativas, precisan de ferramentas para votar. Podemos, sen ir máis lonxe, ten unha de seu. Ou mellor dito: ten unha ferramenta achegada por Agora Voting, empresa de novo cruño mergullada en pleno proceso de medre e desenvolvemento. Mentres Podemos prepara o seu despegue definitivo, Agora Voting inicia un proceso paralelo buscando engaiolar a outros partidos coa súa achega tecnolóxica de votación e, tamén, procurando financiamento. O obxectivo: acadar unha versión máis segura para os comicios xerais de 2015.
Unha das principais vantaxes que pon en xogo este recurso, sinalan os seus creadores, é sen dúbida a comodidade que pon en xogo. Con todo, cómpre ter en conta tamén os factores eficiencia e rapidez: os procesos electorais feitos con Agora Voting implican recontos inmediatos. A agrupación Podemos foi quen de albiscar estas vantaxes e usou a versión máis nova da ferramenta (a terceira) para, por exemplo, dar forma ao modelo de partido máis acaido para os seus integrantes.
Ademais, en consonancia co que dixemos ao principio deste artigo, trátase de software libre, o que dalgunha maneira pon un elemento de coherencia a todo o conxunto. Estamos pois ante un recurso en constate desenvolvemento e con moitas frontes abertas, vivo, polo que os seus responsábeis xa informaron á comunidade en liña que precisan financiamento para acadar (tamén) un modelo máis acaido para os usuarios, sobre todo en materia de seguridade e aplicabilidade a múltiples contextos, situacións, idiomas e países. Algo, en definitiva, universal. Con este fin, puxeron en marcha unha campaña de crowdfunding que, ao seu xuízo, pode ser un xeito claro de “darlle visibilidade á necesidade de facer un sistema de votación coas máximas medidas de seguridade posíbeis”. En termos concretos, búscase na plataforma de mecenado Indiegogo un apoio colectivo de 25.000 euros. Os responsábeis da ferramenta, a maiores, queren incluír melloras de uso a partir da bagaxe informativa xerada a través de experiencias como a de Podemos, ou sexa a partir do feedback achegado polos usuarios. Así, o “Agora Voting ideal” deberá soportar diferentes sistemas de voto “máis aló do que pediu a xente até o de agora”. Asemade, é precisa unha interface de administración.

PUBLICIDADE