Os responsábeis de Oink! fan un último chamamento na Rede para salvar a revista

venres, 7 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

Por desgraza e se nada cambia nas vindeiras horas, Oink!, a revista oficial do Xabarín Club, vai desaparecer de xeito definitivo das nosas vidas tras non ter acadado o apoio da comunidade internauta galega que lles era preciso aos seus editores para manter a súa supervivencia. Como lembraremos, este sábado día 8 remata a campaña de micromecenado en Verkami a través da que se buscaba captar 36.000 euros para o financiamento da publicación. Deste orzamento de partida desexado, a 24 horas para que remate o dito prazo, só se conseguiron 7.600 euros. A idea era atopar subscricións de abondo para manter con vida a revista, 36 mil euros para seguir achegando contidos infantís e en galego aos 200.000 rapaces de entre 6 e 15 anos que hai na nosa terra.
Sinalar que Oink! leva dende o pasado verán argallando novos xeitos de sobrevivir nos quioscos, nunha situación xeral moi complicada para as publicacións en papel, abocadas a un segundo plano polo empuxe das plataformas e contidos dixitais, ao que cómpre engadir a situación de crise na que viven moitas das familias potencialmente demandantes deste tipo de produtos culturais na nosa lingua.
O proxecto de crowdfounding tiña data de remate, como adoita acontecer nestas casos, máis polo miúdo 40 días para acadar a devandita cantidade. As achegas, que partían dos tres euros en adiante, levaban incluídas a xeito de recompensa apoios importantes para os mecenas, por exemplo números da publicación, chapas, carteis e incluso cursos de banda deseñada no Garaxe Hermético. Segundo informan os responsábeis da publicación nos medios, a cifra recada até o agora non é pequena, pero deixa no ar a continuidade da revista. Porén, os promotores da iniciativa seguen adiante co seu chamamento (aínda que máis específico) e aínda amosan esperanza: de haber 900 persoas que se subscriban por un ano, por 30 euros, ou lle ofrezan esa subscrición como agasallo a un amigo ou familiar, entón estaríase a asegurar en boa medida o mantemento no tempo de Oink!.

PUBLICIDADE