Os responsables da rede CeMIT, persoal de concellos e aliados dixitais recibirán formación sobre eAdministración

mércores, 6 de setembro do 2017 Redacción

A AMTEGA inicia este mes un ciclo formativo sobre Administración electrónica dirixido a responsables das aulas CeMIT, persoal de concellos e aliados dixitais. Baixo o título Faite Dixit@l e tramita nun clic desenvolveranse xornadas prácticas nas catro provincias galegas, para o que xa está aberta a inscrición en liña.
Os asistentes recibirán formación específica sobre os principais servizos dixitais que ofrece a Administración autonómica como o Chave 365 e outros sistemas de identificación e sinatura electrónica; como empregar a sede electrónica da Xunta, ou como acceder ao sistema de notificacións electrónicas Notifica.gal.
Cos coñecementos adquiridos, posteriormente organizaranse na Rede CeMIT actividades formativas para espertar o interese e reforzar a confianza das persoas no uso dos servizos públicos dixitais e conseguir que a cidadanía se beneficie das vantaxes de realizar os seus trámites coa Administración por Internet.
Adicionalmente, porase a disposición de todos os participantes os contidos formativos tratados nas xornadas a través da plataforma de teleformación EMA.
O vindeiro 12 de setembro, en horario de 10:00 a 14:00 celebrarase na Aula de informática da Delegación Provincial de Lugo (Ronda da Muralla, 70, 1º andar) a primeira das xornadas organizadas pola AMTEGA Faite Dixit@l e tramita nun clic. Ao longo do mes, realizaranse outras sesións no resto de provincias en horario de mañá:
- Ourense: 14/09/2017 na Aula de informática da Delegación Provincial de Ourense (Av. da Habana 79, 2 Ourense)
- Pontevedra: 20/09/2017 na Aula de informática da Delegación Provincial de Pontevedra (Avenida Fernández Ladreda 43, 9ª planta Pontevedra)
- A Coruña: 25/09/2017 na Aula de informática da Delegación Provincial da Coruña (Edificio Administrativo de Monelos Praza Luis Seoane, s/n - A Coruña)

PUBLICIDADE