Os riscos da ciberdelincuencia, ao detalle este xoves pola mañá nun novo foro de ConsumES e UCGAL

xoves, 25 de abril do 2024 S. P.

ConsumES e UCGAL (Unión de Consumidores de Galicia) achegan este xoves 25 de abril, a partir das 11.30 horas, unha xornada informativa centrada nas cousas que podemos poñer en práctica as persoas usuarias de novas tecnoloxías para termos navegacións máis seguras e protexidas de estafas, fraudes, roubos, calotes e suplantacións. O foro O Consumidor ante a ciberdelincuencia ofrecerase de xeito virtual, en directo, dende a canle de Youtube de ConsumES.
A sesión forma parte do programa conxunto de xornadas das dúas entidades: o Ciclo de Foros. Así, tras abordar o cártel dos coches e os abusos nos seguros, nesta terceira edición abórdanse os cada vez máis frecuentes casos de ciberdelincuencia que afectan a moitas persoas consumidoras..
O terceiro dos foros celébrase en Santiago de Compostela o día 25 de abril de 2024 no salón de plenos do Consello Económico e Social de Galicia, e, como dixemos, retransmitirase en directo a través da Rede.
Letrados das distintas organizacións que compoñen ConsumES abordarán as problemáticas máis frecuentes ás que se enfrontan moitas persoas consumidoras como consecuencia de prácticas delitivas e outros calotes habituais no actual mundo dixital.
Posteriormente, representantes do eido xudicial, da fiscalía, técnicos en ciberseguridade e responsábeis xurídicos de entidades financeiras abordarán as responsabilidades de todas as persoas implicadas neste tipo de enganos.

PUBLICIDADE