Os televisores de Samsung recibirán contidos 4K con HDR de Rakuten Wuaki

mércores, 5 de abril do 2017 Marcus Fernández

A oferta de contidos en ultra alta definición continúa a ser moi pobre, polo que os consumidores que renovaron ultimamente o seu televisor teñen problemas para atopar películas e series de televisión que tiren proveito das capacidades das novas pantallas, e para atallar o problema Samsung vén de pechar un acordo con Rakuten Wuaki para que achegue películas e outros contidos de vídeo baixo demanda en 4K con HDR a través do servizo TV PLUS. Con esta alianza Rakuten Wuaki converteríase no primeiro servizo de vídeo baixo demanda en vender películas de lanzamento en 4K con HDR en Europa.
TV PLUS botou a andar en xaneiro en Alemaña, e agora confirman que chegará a Francia, Italia, Reino Unido e España, con contidos seleccionados para cada territorio, e co atractivo que supón a súa integración nos Smart TV 4K de Samsung, polo que os usuarios que teñen conectado o seu televisor a conexións de banda larga poderán gozar dunha oferta audiovisual de grande calidade técnica.
A oferta incluída en TV PLUS contará con filmes de estrea e películas de acción, comedia e familiares, achegadas do catálogo de Rakuten Wuaki, como contraposición á oferta televisiva lineal, que actualmente carece de contidos interesantes en 4K.

PUBLICIDADE