Os titulados en informática, máis preto do consello asesor estatal en materia TIC

mércores, 7 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Comisión xestora do CONCITI, reunida a comezos de 2010 en Madrid

Este luns 5 de setembro, a Comisión Permanente do Consello Asesor das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, tamén coñecido como CATSI, decidiu dar vía libre á incorporación dos enxeñeiros e enxeñeiros técnicos en Informática como membros de pleno dereito no Consello, dependente do Goberno a través da Secretaría de Estado para as Telecomunicacións. Esta apertura definitiva ás tituladas e titulados, cousa pola que estas e estes viñan loitando dende hai anos, significará entre outras cousas unha meirande participación dos profesionais e dos colexios que os representan no día a día da Sociedade do Coñecemento en España.
Segundo sinalan os colexios das diferentes comunidades autónomas e os consellos estatais que os agrupan (CONCITI e CCII), un dos seus principais cometidos será colaborar, ombro con ombro co CATSI, na mellora do afianzamento na sociedade española das redes e as diferentes ferramentas de xestión, información e comunicación da era dixital. Ao seu xuízo, con esta resolución da dita Comisión Permanente, vese cumprida unha das súas grandes reivindicacións, tras ano e medio de espera a que se dera cumprimento á Lei de creación dos dous consellos xerais. As dúas entidades aproveitaron a ocasión para agradecerlle á Secretaría de Estado a modificación dos regulamentos que impedían a concorrencia dos enxeñeiros no CATSI, amosándolle ao mesmo tempo a súa total dispoñibilidade para impulsar, de maneira definitiva, “o paso do cable aos servizos, dun estado de cousas en que se actuamos como consumidores de información a outro no que producimos, de xeito directo, coñecemento” .
Sinalar que o CONCITI conta con representación galega a través do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, o CPETIG, e que o CCII integra no seu seo ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG.

PUBLICIDADE