Os usuarios de Mac OS X xa poden gozar da saga Company of Heroes

venres, 2 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Entre os anos 2006 e 2009 a franquía de xogos de estratexia Company of Heroes contou con 3 entregas para PC, que para conseguir unha segunda vida veñen de recompilarse nunha edición descargable para equipos de Apple, de xeito que chega a un novo público. Company of Heroes Complete: Campaign Edition está así dispoñible na Mac App Store por 39,99 euros, incluíndo as campañas para un xogador dos xogos de estratexia en tempo real Company of Heroes, Company of Heroes: Opposing Fronts e Company of Heroes: Tales of Valor, garantindo en conxunto máis de 50 horas de xogo.
Os xogos precisan para funcionar como mínimo un procesador a 2,4 GHz , 2 Gb de RAM, unha gráfica con 256 Mbytes de memoria de vídeo e 16 Gbytes de espazo de disco libre. Inclúen escenarios destrutibles de xeito que o campo de batalla muda afectando ás estratexias de combate, unha intelixencia artificial avanzada e un control directo do fogo.
Cómpre destacar que, aínda que teñen varios anos, estamos ante algúns dos xogos máis galardoados do seu xénero, especialmente en 2006, cando publicacións como PC Gamer, GameSpot, IGN, GameSpy e Computer Games Magazine consideraron a Company of Heroes coma o xogo para PC do ano, recibindo un recoñecemento semellante na categoría de xogos de estratexia en moitas outras publicacións.

Company of Heroes está considerado como un dos mellores xogos de estratexia para PC

PUBLICIDADE