Os videoclubs culpan á Internet da actual crise do seu negocio

luns, 10 de decembro do 2007 Marcus Fernández

Dende 2002 pecharon o 30% dos videoclubs cataláns, e nos últimos 3 anos aconteceu o propio no 20% dos establecementos de toda España, polo que o negocio do aluguer de películas de vídeo non só tivo que facer fronte a unha reconversión de formatos (do VHS o DVD) senón que agora os responsables do sector culpan á Internet da crise que están a padecer.
Os profesionais do aluguer de películas aseguran que moitos dos seus clientes xa non acoden ós seus establecementos porque xa poden descargar eses contidos sen problemas da Internet, o que fixo que a súa facturación caesen un 40%, o que levou á desaparición de moitos establecementos.
A patronal do sector pide a prohibición das descargas ilegais de películas, pero é de xustiza destacar que o descenso do aluguer cinematográfico está provocado por moitos factores consecutivos no tempo, que van dende a aparición das televisións privadas, Canal+, a televisión dixital por satélite e a TDT, sendo as descargas a través da Internet e a venda na rúa de copias piratas os últimos atrancos para un modelo de negocio que ve perigar o seu futuro.

PUBLICIDADE