Os xogos da aplicación WC Games achegan lecer para as tarefas do cuarto de baño

venres, 17 de xullo do 2015 Redacción

WC Games é o nome dunha aplicación que nos achega un tempo de lecer mentres levamos a cabo, tal e como se indica no nome deste feixe de xogos, ocupacións relacionadas co cuarto de baño. A achega, polo tanto, iría destinada en parte a substituír o papel que viña representando nestas tarefas cotiás o xornal do día ou calquera tipo de revista. Pero co engadido extra de permitirnos xogar en dispositivos intelixentes e tabletas. A escolma que fornece WC Games consiste nunha serie de tres xogos de sona, dos considerados clásicos das consolas.
É unha aplicación cen por cen de balde para Android e iOS. A selección de xogos inclúe Snake, Blocks ou Connect. O primeiro consiste en manexar unha serpe que debe comer os alimentos e levar coidado de non chocar, neste caso, coas paredes e obstáculos de bambú. En Blocks cómpre irmos destruíndo todos os bloques mediante unha pelota que vai rebotando nunha plataforma que movemos nós. En Connect hai que formar liñas de cores entre froitas.

PUBLICIDADE