Os xogos de Sonic Boom non conseguen chegar ao medio millón de copias

xoves, 12 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Hai cousa dun ano SEGA sorprendía anunciando que o seu ourizo azul mudaba de imaxe con Sonic Boom, unha nova marca que estaría presente en videoxogos para Wii U e Nintendo 3DS e tamén nunha serie de televisión, dando a entender que buscaban revitalizar a franquía para devolvela aos seus tempos de gloria, pero agora que a compañía presenta os seus resultados para os 3 últimos trimestres de 2014 vemos que o experimento foi un rotundo fracaso, xa que entre Sonic Boom: Rise of Lyric para Wii U e Sonic Boom: Shattered Crystal para Nintendo 3DS só conseguiron colocar 490.000 unidades no mercado, ou sexa, que incluso estarían por debaixo das 640.000 copias do Football Manager 2015 para PC e moi afastados dos 1,76 millóns de unidades de Alien: Isolation.
Cómpre destacar que estamos a falar de unidades distribuídas, non de copias vendidas ao usuario final, polo que os resultados de Sonic Boom son realmente malos, incluso se os comparamos con outros xogos do mesmo personaxe, como Sonic Colors, que en 2010 conseguiu vender 2,18 millóns de copias. Vese que os tempos nos que o Sonic the Hedgehog orixinal vendera 15 millóns de unidades están moi lonxe, e o personaxe que moitos consideran a mascota de SEGA ten cada día máis papeletas para a súa xubilación, polo que non sería de sorprender que o seu futuro quedase limitado a xogos para plataformas móbiles.
Estes pobres resultados de Sonic Boom non son só consecuencia da perda de pulo da franquía de SEGA, senón tamén da reducida base de consolas domésticas de Nintendo na actualidade, pois a Wii U non conseguiu reeditar o éxito da Wii, e iso está a afectar seriamente aos títulos que se lanzan nesta plataforma.
De todos os xeitos, non podemos esquecer que os xogos de Sonic Boom para Wii U e Nintendo 3DS conseguiron puntuacións en Metacritic de 32 e 47 respectivamente, ou sexa, que estarían entre os peores xogos da pasada campaña de Nadal, motivo que por si mesmo xa podería xustificar as súas malas cifras.

PUBLICIDADE