Os xornalistas rematan abril con 20 novos obradoiros sobre os segredos da comunicación tradicional e dixital

venres, 21 de abril do 2017 Redacción

O Colexio de Xornalistas de Galicia vai rematar o mes de abril cunha “actividade frenética” de divulgación nos centros educativos. Estamos a falar de vinte obradoiros a desenvolver en dez concellos de toda Galicia, todos eles abeirados ao programa Xornalismo na Escola que, como lembraremos, responde á vontade do devandito Colexio de amosar aos nenos e adolescentes os segredos da profesión que representa e mailos seus desafíos na comunicación dixital. Os obradoiros mostrarán, entre outras cousas, como mudaron nos últimos tempos os nosos hábitos informativos e até que punto se transformou, co afianzamento das novas tecnoloxías, a profesión xornalística (sen dúbida un dos traballos máis directamente atinxidos polo espallamento da sociedade dixital).
A iniciativa, que vén da man do Colexio Profesional de Xornalistas e a Obra Social La Caixa recala a semana entrante na Coruña, Pontevedra, Ourense, Pontedeume, Marín, Ferrol, Teo, Santiago de Compostela, Salceda de Caselas e Mugardos.
Datas e localizacións
O luns 24 a semana comeza con obradoiros no IES Otero Pedrayo da Coruña (en horario de 9:35 a 11:15 e de 12:35 a 14:15), no IES A Xunqueira 1 de Pontevedra (de 10:00 a 11.30 e de 16:30 a 18:00), no IES Eduardo Blanco Amor de Ourense (entre as 10:30 e as 12:10) e no IES Fragas do Eume de Pontedeume (de 12:30 a 14:10). O martes 25 os talleres chegarán a Ferrol (de 10:30 a 12:10 no IES Ricardo Carballo Calero), Marín (a partir das 11:30 no IES Illa de Tambo) e Teo (no IES de Cacheiras, entre as 16:30 e as 18:10).
O mércores 26 realizaranse novos obradoiros no IES Ricardo Carballo Calero de Ferrol (de 12:30 a 14:00 horas) e no IES de Cacheiras, Teo (entre as 12:45 e as 14:25), ademais de sumarse o IES Pontepedriña de Santiago de Compostela, con dous talleres de 10:45 a 12:25 e de 12:45 a 14:25. Finalmente, o xoves 27 estreanse o IES de Mugardos (con dous obradoiros de 8:45 a 10:25 e de 10:45 a12:25) e o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas (con outros dous de 10:10 a 11:50 e de 12:20 a 14:00), ademais de novos talleres no IES Illa de Tambo de Marín (de 8.30 a 11:00 e de 11:00 a 13:00 e o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense (de 12:30 a 14:10).
Preto dun centenar de obradoiros
En toda Galicia está programada a celebración de 90 obradoiros, cos que se pretende chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas. Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Álvarez, Elvira Álvarez, Ángeles Fernández e Víctor Sariego son os xornalistas que están a impartir os obradoiros. Até maio, axudarán a que a xuventude coñeza o funcionamento dos medios de comunicación e tratarán de estimular na mocidade o espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas Tecnoloxías de Información e a Comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supoñer para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.
O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en Twitter baixo o cancelo #XornalismoNaEscola, é posíbel grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía “cunha segunda edición máis ambiciosa”.

PUBLICIDADE