Ourense, a EOI e Orange achegan formación TIC de balde aos comerciantes locais

martes, 22 de novembro do 2016 Redacción

O Concello de Ourense quere propagar a formación tecnolóxica entre o seu tecido comercial, todo co obxectivo de modernizar negocios, capacitar profesionais e incrementar competitividade, marxe de manobra, canles de venda, recursos de promoción e de comunicación con usuarios e clientes. Falamos do programa-plataforma Sé Dixital, que o Concello lanza a través dun convenio de colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e Orange España. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destacou positivamente as oportunidades que se abren coa iniciativa, unha plataforma de balde e aberta para toda a cidadanía e “para o desenvolvemento do tecido económico da cidade”.
Na presentación de Sé Dixital tamén participaron o concelleiro de Emprego e Promoción Económica, Jorge Pumar, a edil de Comercio, Belén Iglesias, o xerente de Relacións Institucionais da Zona Norte de Orange España, Óscar Aragón; e o xefe de Proxectos Estratéxicos da EOI, Javier Moreno.
A proposta Sé Dixital, sinalouse, foi concibida para ser unha reposta útil e real ás demandas de formación TIC dos cidadáns, profesionais e comerciantes locais. Entre os contidos do programa, inclúense os seguintes: Oportunidades para os negocios desde a túa localidade; Tecnoloxía básica para os negocios e a promoción en canles dixitais; Posicionamento online da túa idea para que te atopen desde calquera parte do mundo; Novas formas de financiamento en Internet para poñer en marcha o teu negocio; Consideracións xurídicas básicas sobre propiedade intelectual e protección de datos (Que é legal, alegal ou ilegal en internet?) ou Novas tecnoloxías para mellorar procesos na túa empresa e axudala na súa transformación dixital.
Para formarmos parte de Sé Dixital podemos realizar a inscrición na mesma páxina de seu, sedigitalylanzate.es, ou a través da páxina municipal www.ourense.gal. Orange facilitará as titorías e material preciso, e ao final do curso expedirase un certificado oficial asinado pola EOI. O programa foi desenvolvido noutras cidades de España e xa capacitou dixitalmente a unhas 10.500 persoas.

PUBLICIDADE