Ourense acolle a finais de xuño unha conferencia europea sobre creatividade TIC na mellora e pulo do patrimonio

mércores, 12 de xuño do 2013 Redacción

A Deputación de Ourense vai organizar os días vindeiros un encontro de arela global sobre a potencialidade das ferramentas innovadoras ao servizo do rexistro, conservación e promoción da nosa cultura e as súas pegadas visíbeis. O evento, inserido nas actividades do Proxecto Imaxina Atlántica, celebrarase os días 26 e 28 de xuño no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O obxectivo da Conferencia Internacional sobre Territorios Creativos, así se fai chamar este encontro, será reunir a diferentes expertos internacionais en novos xeitos de expresión e creación, en novas tecnoloxías e en desenvolvemento local procedentes do noso país e tamén de Francia, Gales ou Portugal. O eixe temático serán as tecnoloxías innovadoras da imaxe.
Como dixemos, a actividade encádrase dentro do Proxecto Imaxina Atlántica, unha iniciativa que, segundo informa a Deputación, posibilitou xa o desenvolvemento de actividades de promoción do patrimonio do Espazo Atlántico. Entre estas accións, o organismo provincial galego salienta a creación de novas ferramentas para o pulo turístico da Ribeira Sacra (aplicacións para móbiles e tablets sobre a contorna do Sil e do Miño en 4 idiomas: galego, castelán, inglés e portugués), así como a futura remodelación do Centro de Interpretación da Ribeira Sacra e da Vida Monástica de San Pedro de Rocas, que se presentarán na Conferencia. Asemade, a Deputación destaca que a iniciativa deu aos novos creadores “unha oportunidade para a realización de prácticas e difusión das súas producións, facendo fincapé nos recursos existentes e dando lugar á creación e promoción do emprego xuvenil neste ámbito”.
Ao abeiro do Proxecto Imaxina Atlántica, engádese, “tamén se deseñaron programas de intercambio de estudantes e profesionais; realizáronse seminarios técnicos internacionais; creáronse produtos e circuítos turísticos e culturais utilizando os recursos patrimoniais e as capacidades de expresión dos territorios; realizouse un concurso de obras de arte numérica, implicando unha posta en común de recursos do espazo atlántico, así como a circulación dos creadores a través de accións colectivas de produción orientadas á valorización do patrimonio histórico”. A maiores, creouse unha plataforma virtual para difundir o traballo dos novos creadores e máis un espazo de colaboración para profesionais, estudantes, novos creadores e formadores. Grazas a isto, e a circulación de novos deseñadores e artistas, vaise facer posíbel que os gañadores do Concurso de Arte Dixital amosen as súas obras en Ourense durante a celebración da Conferencia Internacional sobre Territorios Creativos.
Segundo engade a Deputación de Ourense, o organismo traballou arreo na preparación e execución do programa de intercambio de novos profesionais, “destacando as bolsas para estadías curtas en Angouleme, a meca da banda deseñada europea, para as que foron seleccionados algúns dos profesionais da ilustración máis recoñecidos a nivel galego como son o ourensán David Rubín, Santy Gutiérrez, Iván Súarez, Jano Viñuela, Sergio Covelo, etc”.
Volvendo á Conferencia Internacional sobre Territorios Creativos, sinalar que o prazo para presentar solicitudes está xa aberto e pódense realizar os trámites a través da web da conferencia, así como coñecer o programa de seu. Asemade, estase a achegar cumprida información sobre o acontecemento nas principais redes sociais, como Facebook ou Twitter.

PUBLICIDADE