Ourense presenta ante o mundo o seu Centro de Intelixencia Artificial

mércores, 28 de outubro do 2020 Fernando Sarasketa

O Concello de Ourense celebrou este mércores 28 a presentación oficial do seu Centro de Intelixencia Artificial, unha iniciativa para achegar beneficios sociais e económicos á cidade á súa contorna, poñendo ao alcance da veciñanza propostas viábeis que baixen cuestións como o Big Data, a Internet das Cousas, o cómputo de alto rendemento ou a aprendizaxe das máquinas (Machine Learning) a pé de rúa. A cita celebrouse en La Molinera.
Adoptouse o formato de acto semi-presencial no transcurso do cal os responsábeis da Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez e Humberto Michinel respectivamente, amosaron o apoio destes centros a esta iniciativa e explicaron as liñas de colaboración que se están artellando. Tamén interveu o rexedor ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, quen cualificou a xornada de “día histórico” para a cidade. Tamén enxalzou a vontade de colaboración da UVigo e agradeceu o interese da UNED, mostrando a súa confianza en que se sumen outras administracións supramunicipais, caso da Deputación de Ourense, da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado, ademais de optar tamén a fondos europeos. Pérez Jácome salientou a importancia de situar Ourense nunha área de tanto potencial como a da Intelixencia Artificial, que ademais é “totalmente transversal e alcanza todos os parámetros”, polo que todas as empresas poderán beneficiarse da actividade do centro.
Pola súa banda, David Olivieri, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática e director xeral de Innovación, Tecnoloxía e Intelixencia Artificial deste centro ourensán foi o encargado de presentar os seus obxectivos, as súas instalacións en La Molinera, o seu persoal actual (catro persoas en administración e cinco enxeñeiros informáticos), a súa misión e obxectivos e as súas liñas de traballo, tanto presentes como futuras. David Olivieri salientou como este “proxecto é moi interesante e supón unha posibilidade moi grande para termos un impacto nesta cidade, tanto socioeconómico como para reter talento”. A misión, apuntou, é “achegar beneficios socioeconómicos a Ourense mediante un centro tecnolóxico de excelencia enfocado en solucións reais en Big Data e Intelixencia Artificial”. No que respecta aos obxectivos do centro, o seu responsábel enumerou os seguintes: aproveitar o coñecemento en IA das universidades/empresas locais; ser expertos en áreas de IA; fomentar a colaboración e a transferencia de tecnoloxías de IA relevantes entre os sectores público e privado; reter o talento novo e atraer talento a través de proxectos estatais e internacionais.
Tamén interveu no acto Humberto Michinel, novo director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus, quen explicou as liñas de traballo nas que xa teñen realizado propostas para a colaboración co Centro de Intelixencia Artificial. “Cremos que son liñas interesantes non só para o centro en si senón para a propia cidade de Ourense”, indicou o catedrático da UVigo, engadindo que entre estas liñas atópanse as de crear xemelgos virtuais no sector aeroespacial, impulsar o alumeado smart para Cidades Intelixentes, ou potenciar a Internet das Cousas en relación cos espazos urbanos.
Polo que respecta a Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, recalcou sobre a posta en marcha deste proxecto como “desde a Universidade consideramos que é unha idea necesaria tanto para Ourense como para Galicia”. E engadiu: “Cremos que a Intelixencia Artificial se non é o futuro vai ser unha base importante dese futuro e un centro como este visualizalo e faino maior”, afirmou, afondando nas liñas de colaboración que se están a esbozar entre a escola e o centro e mostrando a súa confianza en que “vai ser un centro punteiro” que nace “do local ao global” e que impulsará o talento formado na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense.

PUBLICIDADE