Outes activou un centro de emprendemento ao servizo das iniciativas locais innovadoras

luns, 13 de decembro do 2021 S. P.

Outes conta dende estes días cun espazo de traballo colaborativo para promover o nacemento de empresas, xerar emprego e contribuír á dinamización económica da localidade. O Centro de Emprendemento de Outes (CEO), situado en pleno corazón da Serra, ofrece a todas as persoas emprendedoras do municipio un espazo de traballo dotado de mobiliario, conexión de Internet a alta velocidade, sala de reunións así como asistencia técnica e apoio no proceso de desenvolvemento e consolidación de iniciativas empresariais.
O CEO comeza cunha capacidade de seis postos de traballo situados no andar baixo das antigas escolas do Bosque, na rúa da Capela, se ben en función da demanda pódense habilitar outros seis postos de traballo no andar superior. Nace poñendo o foco, principalmente, en iniciativas tecnolóxicas e de transformación.
O alcalde, Manuel González López, dixo que o espazo de coworking “aspira a servir de lanzadeira para a creación de empresas e a xeración de emprego”. E engadiu que o obxectivo é “fixar en Outes profesionais relacionados con actividades de servizos diversas, como as vinculadas coas novas tecnoloxías”. Tamén indicou que xa se mantiveron conversas coa Deputación para unirse á súa Rede de Espazos de Coworking e obter desa maneira o apoio para ampliar as instalacións e para o funcionamento das mesmas.
O investimento realizado aproxímase aos 40.000 euros, dos cales algo máis de 28.000 € correspóndense a fondos europeos achegados polo Grupo de Desenvolvemento Rural DELOA.
As persoas emprendedoras e profesionais que queiran facer uso destas novas instalacións poderán tramitar a solicitude en calquera momento. Os requisitos para optar a unha praza están dispoñíbeis na páxina web do concello e os interesados poderán pedir máis información nas oficinas da Axencia de Desenvolvemento Local, no Consistorio.

PUBLICIDADE