Outes lidera un proxecto europeo para crear pedagoxía adaptada á formación telemática

venres, 4 de agosto do 2023 S. P.

O proxecto europeo e-InnoEduCO2 (School science e-learning ONE HEALTH) é un proxecto europeo de innovación educativa Erasmus + 2020 na modalidade KA226 para o bienio 2021-2023. Liderado polo Concello de Outes, coa dirección científica da Facultade de Ciencias da Educación da USC, do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) da USC, ten o obxectivo de desenvolver un modelo pedagóxico STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) e TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) que posibilite compensar o aumento das eivas da UE en materia de Formación Profesional. Trátase pois de contrarrestar a seguinte realidade: a pandemia puxo de manifesto que a maioría dos sistemas educativos non estaban listos para a manchea de oportunidades do ensino dixital.
O devandito farase adaptando a formación telemática da era do COVID-19 ás necesidades curriculares de experimentación científica. O desenvolvemento deste modelo diríxese ao alumnado do último ciclo da ESO e Bacharelato.
O consorcio europeo e-InnoEduCO2 conta coa participación do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) como principal socio tecnolóxico, así como de socios europeos de Portugal, Polonia e Romanía: Universidade de Aveiro (Fábrica de Ciencias Vivas) e Agrupamento de Escolas de Aveiro de Portugal, Liceo XXVI de Lodz en Polonia de Polonia e a Universidade de Iasi en Romanía.
Toda a informacón sobre o proxecto está dispoñible na súa web www.innoeduco2.org.
Segundo o profesor da USC e coordinador do proxecto, Francisco Sóñora, a USC presentouse a este programa en dúas modalidades: a de tecnoloxías e a de creatividade. “Na primeira competimos con 900 candidaturas en toda España e, na segunda, con 200. E nas dúas, os nosos proxectos foron os primeiros seleccionados”, explica, engadindo que “Outes lidera o programa no eido das tecnoloxías como modelo de concello pequeno predisposto a colaborar coa comunidade educativa para reducir as fendas dixitais no rural”. Sóñora fai saber que un dos puntais do proxecto é unha plataforma tecnolóxica para equipar con contidos e recursos didácticos aos centros de ensino. Amais, a iniciativa pon o foco na relación entre o medio ambiente e a saúde. Por exemplo a través do estudo das praderías mariñas en tres tipos de ecosistemas, levado a cabo polo alumnado participante, pertencente aos concellos de Outes e de Noia, xunto con expertos da UVigo.

PUBLICIDADE