Outlook.com preséntase como a nova solución de correo electrónico de Microsoft (e en galego)

martes, 31 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Outlook.com pode empregarse en galego

Microsoft parece querer converter o ano 2012 no punto de inflexión da compañía, co lanzamento do Windows 8/RT, Windows Phone 8 e Surface, e agora tamén decidíndose a acompañar estes produtos cunha renovación da súa plataforma web de correo electrónico, de xeito que Hotmail pasa a un segundo plano para quedar en primeira liña de fogo Outlook.com. O novo servizo permite que os actuais usuarios de Hotmail (ou simplemente contas Microsoft) poidan acceder ao novo webmail, que permite xestionar tanto enderezos de hotmail.com, hotmail.es e live.com, como crear un alcume que facilite o uso de contas de correo baixo o dominio Outlook.com.

Entre as funcionalidades de Outlook.com está a integración de Skype

O novo Outlook.com aproveita o deseño Metro de Windows 8, permite centralizar as nosas diferentes contas de correo electrónico, abre a porta á realización de mensaxería instantánea (tanto de Windows Live Messenger como do chat de Facebook) e videoconferencias a través de Skype e, afortunadamente, permite a configuración da interface en pantalla para o seu uso en galego (algo ao que inexplicablemente se resiste Gmail pese a estar xa traducido a español, catalán e éuscaro).
Podemos considerar que estamos ante o renacemento de Hotmail (aínda que a vella interface web de correo electrónico continúe dispoñible) pensando nos novos dispositivos móbiles e aproveitando as novas interfaces que Microsoft está a introducir no seu software, cunha aparencia moi limpa que de seguro que agradecerán moitos usuarios.
O correo de Outlook.com tamén ten unha capacidade virtualmente ilimitada, o que tamén pode ser un interesante reclamo para introducirse no que aínda é un servizo en probas que nos vindeiros meses incorporará numerosas novidades e melloras.

PUBLICIDADE