Ouvirmos amosa o miolo da súa actividade cultural na súa nova web

mércores, 6 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

O selo tecnolóxico-cultural Ouvirmos vén de presentar nova páxina web. O sitio, xa dispoñíbel, xira agora, máis que nunca, arredor do seu servizo de blog, que desenvolve un papel central “como xerador da identidade dixital da empresa”. Máis polo miúdo, o que se pretende é reforzar o papel da bitácora corporativa como canle de información de primeira liña, unha canle que o cubre todo: dende a orixe da propia información até a súa difusión por boletín vía mail, RSS ou Facebook.
Con esta páxina remodelada, ademais de acceder ao catálogo editorial completo do selo, poderemos coñecer tamén a súa actividade como consultoría cultural: exposicións, campañas e eventos cos que “se contribúe a innovar e dinamizar a realidade social”, informan os responsábeis da empresa.
Por certo que Ouvirmos estivo hai pouco na primeira liña da información galega dixital e cultural, ao ser o responsábel da páxina coa que se está a conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, celsoemilioferreiro.org.
A páxina foi desenvolvida por Ouvirmos para a fundación que leva o nome do autor de Longa Noite de Pedra e a Consellería de Cultura. Trátase dun sitio en tres linguas (galego, castelán e inglés) proxectado e posto en marcha para “axudar a difundir a figura deste grande poeta dentro e fóra de Galicia”, sinala Ouvirmos.

PUBLICIDADE