Padrón acolle hoxe un Hackaton a prol da inclusión TIC dos colectivos con discapacidade intelectual

mércores, 4 de novembro do 2015 Redacción

O Concello de Padrón organiza hoxe unha actividade encamiñada a facilitar a persoas con discapacidade intelectual e cognitiva o emprego de material informático da súa aula CeMIT. Falamos da primeira convocatoria do Hackatón Solidario, convocada polo Concello local en colaboración con AMTEGA. No encontro, os participantes compartirán as súas ideas para permitir e impulsar o afianzamento destes colectivos nos recursos da Sociedade da Información. Participará, entre outros expertos, o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez.
A iniciativa xorde do proxecto de innovación socio-dixital Intro para tod@s, impulsado polo Concello a través da súa Aula CeMIT e co apoio e colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMEGA) e a Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (AMIPA) da comarca do Sar e Fundetec. Do marco dese proxecto abrolla, polo tanto, o primeiro Hackatón Solidario sobre usabilidade e accesibilidade das TIC baseado en software libre, que aspira a que desenvolvedores de sistemas e empresas adicadas á tecnoloxía sumen solidariamente os seus esforzos para loitar contra a fenda dixital que afecta aos devanditos colectivos e a prol da súa plena inclusión na Sociedade do Coñecemento.
Segundo informa o CPEIG, Fernando Suárez encargarase, xunto co resto do comité de expertos, de valorar e identificar a viabilidade e calidade dos prototipos presentados durante a segunda parte do Hackatón. O comité terá como referencia as necesidades expostas desde a Aula CeMIT, plasmadas nas bases do concurso.

PUBLICIDADE