Padrón pon en marcha unha plataforma para visualizar o comercio e a hostalería locais

xoves, 3 de setembro do 2020 S. P.

O Concello de Padrón vén de pór en marcha unha plataforma online que busca promover o comercio e a hostalería da vila e fortalecer ao máximo o proceso de recuperación logo do Estado de Alarma e o confinamento. Trátase dun marketplace que permite que cada empresario introduza os datos de interese do seu negocio. A iniciativa, que se enmarca Plan de Reactivación da Concellería de Turismo, está mergullada nun proceso de promoción e captación entre o sector produtivo do concello, mostrando o funcionamento do sistema e convidando ás empresas locais a darse de alta.
A concelleira de Turismo, Lorena Couso, explicou que “dende o Concello buscan as mellores formas de axudar ao tecido empresarial e ao grupo de comerciantes e de hostaleiros da vila. Esta plataforma pretende dar visibilidade aos seus negocios, así como facilitar o acceso da cidadanía e dos turistas a súa oferta”.
A nova plataforma, na que os distintos comercios de Padrón poderán anunciar os seus produtos e ofrecer un interesante abano de opcións aos seus potenciais clientes, instalarase na páxina web www.padronturismo.gal. Este novo enderezo púxose en marcha recentemente para dar soporte a esta campaña de promoción.

PUBLICIDADE