Palm aparca o proxecto do seu UMPC

mércores, 5 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Ante a decadencia dos PDA, que están a ser substituídos polos teléfonos intelixentes, un dos principais fabricantes destes dispositivos, Palm, anunciara en maio que ía lanza o Foleo, que sería o seu propio UMPC que destacaría por ter un prezo reducido, un disco duro baseado en memoria de estado sólido e unha autonomía elevada (5 horas).
O novo equipo estaría a piques de comercializarse e os moitos rumores de retraso do lanzamento acálanse co anuncio da cancelación do produto.
Ed Colligan, director de Palm, afirmou que para converter o Palm Foleo nun produto final terían que facer moitas melloras no mesmo, e neste momento prefiren centrar o seu traballo no emerxente e atractivo mercado dos teléfonos intelixentes, que están a vivir un momento glorioso coa popularización da banda larga nos mesmos mediante Wi-Fi, WiMAX, UMTS e HSDPA.
De tódolos xeitos, dende a empresa continúan a pensar que o Foleo é unha boa idea, e posiblemente desenvolvan no futuro un Foleo II, ou sexa, unha nova plataforma baseada en tal concepto, pero que deberá agardar a que rematen o desenvolvemento da súa nova gama de smartphones.

PUBLICIDADE