Palm desafía ó iPhone de Apple

venres, 9 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

En tecnoloxía, coma na vida, por cada póquer que pos enriba da mesa, sempre hai alguén devecendo por pasarche por diante dos ollos unha escaleira de cor. Este esquema de base, con máis ou menos diferenzas, é o que artella a partida que semella van xogar en breve Apple e Palm, a primeira achegando o seu iPhone (na imaxe, chamado polos usuarios e a prensa internacional a revolucionar o eido das telecomunicacións) e a segunda con algo que apenas se coñece pero que xa está a ser cualificado de contrarresposta. Polo de agora, o que si se sabe é que Palm (fabricante de computadores de man) vén de poñer en funcionamento a un dos equipos de deseño de software máis punteiro de Silicon Valley, comandado por Paul Mercer, que ten no currículo formación vinculada (precisamente) ó “inimigo”, Apple.
Mercer leva xa tres semanas traballando no proxecto de crear unha nova liña de produtos encamiñados a desafiar ó iPhone, probablemente facendo uso da base constituída polas axendas móbiles (smart phones, teléfonos intelixentes) creadas por Palm. Sexa como sexa, é moi posible que co paso do tempo entren a formar parte da partida máis xogadores. Segundo sinala o New York Times, LG é unha das empresas que máis posibilidades ten de facerlle fronte ó iPhone, agora que vén de presentar un teléfono (Prada) que presenta moitas semellanzas co trebello de Apple.

PUBLICIDADE