Panda Cloud Antivirus, unha nova solución de seguridade informática baseada na Internet e de balde

mércores, 29 de abril do 2009 Marcus Fernández

Panda Security quere aproveitar as posibilidades da cloud computing para revolucionar o sector dos antivirus, polo que estrean hoxe a versión de proba do Panda Cloud Antivirus, que segundo a compañía sería o primeiro e único antivirus lixeiro baseado na nube, cun 50% menos de impacto no rendemento do PC que a media de solucións antivirus da industria, e que xa pode descargarse en español, inglés e alemán.
Esta solución optaría por ceder a identificación de códigos maliciosos á nube, en vez de almacenar localmente as sinaturas das ameazas informáticas identificadas, o que suporía unha actualización constante, de xeito que sería máis eficaz de cara á protección contra virus novos (os servidores de Inteligencia Colectiva detectan máis de 50.000 novas mostran de malware ao día). Dado que o proceso de identificación de ameazas sería algo co que abstractamente cargaría a Internet, o equipo do usuario quedaría libre da carga de memoria (só consume 17 Mbytes de RAM) e procesador que precisamos para tal función, aínda que tamén se combinan tecnoloxías de detección local, para maximizar os resultados.
Panda Cloud Antivirus incorpora protección antivirus local e remota, protexe contra spyware e rootkits, realiza análises heurísticas e conta cunha caché de goodware.
Pedro Bustamante, senior research advisor de Panda Security asegura que «Panda Cloud Antivirus ofrece aos usuarios unha solución completamente gratuíta, baseada no concepto de instalar e esquecer, que proporciona a protección máis rápida da industria coa metade de impacto no rendemento dos sistemas».

Panda Cloud Antivirus protexe contra distintos tipos de ameazas informáticas

PUBLICIDADE