Patricia Argerey enxalza a puxante fortaleza do sistema galego de innovación

xoves, 1 de xullo do 2021 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, salientou a excelencia demostrada polos axentes galegos do sistema galego de I+D+i, que segundo dixo, atesouraron coñecemento, talento e capacidades para ter mobilizado máis de 200 millóns de euros en proxectos apoiados polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (o órgano estatal CDTI). Argerey fixo esta declaración no marco dunha xornada semipresencial na que participaron os responsábeis do CDTI e na que se deron a coñecer os instrumentos de apoio á innovación e ao desenvolvemento da Xunta de Galicia e do dito centro.
A directora da Axencia Galega de Innovación lembrou ademais algúns indicadores sobre a posición de Galicia en canto a investimento en I+D+i, que se sitúa preto do 1% do PIB (0,97% en 2019), e apuntou “a evolución moi positiva que experimentou a innovación en Galicia segundo o Regional Innovation Scoreboard 2021”, un índice que medrou desde 2014 en Galicia a un ritmo que case duplicou a media estatal e un 34% máis que a contorna do Norte de Portugal.
Argerey subliñou entre as fortalezas do sistema galego de innovación, segundo este informe, “a educación superior, as habilidades dixitais, as co-publicacións científicas, a venda de produtos innovadores e, especialmente, a colaboración entre as pemes”.
Na xornada informouse de que, no último lustro, os axentes do Sistema galego de innovación obtiveron apoio do CDTI para 318 proxectos de I+D+i (291 proxectos de ámbito estatal e 27 de cooperación tecnolóxica internacional). A través deses 318 proxectos, as entidades galegas conseguiron mobilizar preto de 204 millóns de euros (194 millóns en iniciativas nacionais e 9,4 en proxectos en cooperación tecnolóxica internacional).
En base a estas cifras, Argerey enxalzou a amplitude de instrumentos aos que accederon as entidades galegas, o “que pon de manifesto que coñecen e fan uso dos diferentes instrumentos de apoio”. Ademais, dixo, “incrementouse a participación galega en programas de I+D+i de cooperación tecnolóxica internacional xestionados polo CDTI”. De feito, en 2020, “a pesar de ser un ano complicado pola pandemia”, duplicouse o número de proxectos de cooperación tecnolóxica internacional nos que participaron as entidades galegas respecto de 2019.
En canto aos datos de participación galega no programa marco europeo Horizonte 2020, Argerey destacou o incremento no retorno obtido polas entidades galegas no programa H2020 fronte ao VII Programa Marco. No período 2014-2021 as entidades galegas captaron 169,3 millóns de euros fronte aos 86,9 do período 2007-2013, aumentando tanto o seu peso relativo no conxunto do Estado como no conxunto da Unión Europea. Por áreas, destacaron dúas, industria e bioeconomía, nas que todos os axentes do sistema galego de innovación participaron e obtiveron un terzo do retorno.

PUBLICIDADE