Patricia Argerey presenta a nova plataforma InnovaRede

xoves, 14 de decembro do 2023 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentou na Cidade da Cultura, este 14 de decembro a plataforma InnovaRede: Rede do ecosistema galego de innovación, que sería, nas súas palabras, “o primeiro punto de acceso ás capacidades de I+D+i de Galicia”. O obxectivo é dar visibilidade a estas capacidades e fomentar a conexión entre os axentes do ecosistema galego de I+D+i.
Segundo engadiu Argerey, esta nova ferramenta “nace para reforzar este ecosistema e seguir medrando a través da conexión das capacidades dos centros de coñecemento (centros tecnolóxicos, de investigación ou innovación, universidades e outros axentes de coñecemento) coas necesidades das empresas”. Tamén busca impulsar a colaboración entre os distintos axentes de demanda e oferta tecnolóxica “dunha forma áxil, directa e aberta, para acelerar o proceso de desenvolvemento tecnolóxico, valorizar o coñecemento e que as pemes atopen os recursos e capacidades que precisan para innovar”.
InnovaRede nace con información de 35 axentes de I+D+i de Galicia e coa aspiración de seguir medrando. A plataforma recolle unha síntese de información priorizada de cada un deles sobre quen son, onde se atopan, como contactalos e a que se dedican. En total, a ferramenta inclúe 750 patentes, 3.700 publicacións e 3.500 proxectos, que representa o coñecemento de maior utilidade para as empresas.
O portal conta cun buscador na páxina de inicio que permite facer buscas en toda a información recompilada e categorizada en tecnoloxías de fácil comprensión, cadeas de valor, palabras chave e códigos UNESCO, para cada axente e liña de I+D+i.
Inclúe a maiores unha sección privada onde, dándose de alta, permite formular unha demanda tecnolóxica para a que non se atopou resposta nas descricións actuais de InnovaRede, á que se lle dará resposta consultando aos axentes ou dende a Administración. Por último, a web nace en tres linguas (galego, castelán e inglés) para facilitar a súa visibilidade fóra de Galicia.
Patricia Argerey avanzou tamén os seguintes pasos para que InnovaRede medre: convertela nun espazo para facilitar o uso compartido de infraestruturas e equipamentos científicos; crear o banco de patentes galegas e axudar a atopar a posibles usuarios ou explotadores; e ser un escaparate das oportunidades para traballar en Galicia no eido da I+D+i.
Argerey rematou convidando a todos os asistentes, máis de douscentos axentes do ecosistema galego de I+D+i, a usar a plataforma para fornecer o ecosistema e seguir medrando xuntos e agradeceu a participación de todos as persoas e centros de coñecemento que incorporaron información e fixeron achegas para mellorar a plataforma.

PUBLICIDADE