Pêcha a publicación Medium en español

martes, 21 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O mes pasado a plataforma de publicación de contidos máis prometedora dos últimos anos, Medium, anunciaba que non tiña conseguido acadar un modelo de negocio sustentable, xa que os ingresos por publicidade non eran quen de soster o seu crecemento usuarios, polo que estaban a preparar un cambio de rumbo, que comezaba prescindindo da cuarta parte do seu cadro de persoal, o que está a ter consecuencias directas como o peche da publicación chamada Medium en español, que era un excelente xeito de atopar contidos de calidade na lingua de Cervantes.
En Medium en español seleccionáronse milleiros de historias en español de usuarios de Medium, de xeito que facilitaba a localización de bos contidos nesta plataforma que non estivesen en inglés (lingua dominante en Medium) e dado a que agora centran os esforzos da compañía nas súas oficinas de San Francisco, tiveron que optar por deixar de escolmar contido en español na publicación.
En calquera caso advirten que o cesamento da publicación en español non afecta aos contidos que teñen na plataforma, pois continúan a estar activos moitos escritores publicando artigos de interese, de aí que recomenden seguir a algunhas publicacións en español que consideran de calidade ou a etiqueta español para poder localizar de xeito doado contidos en español. Temos así que só di adeus unha publicación dentro de Medium, pero a plataforma continúa a ser un lugar moi axeitado para o contido en distintas linguas, só que resulta máis complicado que as historias consigan unha maior visibilidade.

PUBLICIDADE