Pepephone lanza a súa fibra óptica de 300 Mbps simétricos a 34,6 euros/mes

luns, 3 de abril do 2017 Marcus Fernández

Tras varias semanas de rumores e filtracións por fin é oficial a oferta de fibra óptica de Pepephone, que adopta unha fórmula inédita no mercado, xa que busca conseguir o mellor prezo do mercado sen promocións nin compromisos de permanencia, pero co atranco de contar con cota de instalación de 150 euros (que pode pagarse de xeito aprazado) e precisar dun router (que custa 40 euros) de xeito que convértese nunha das mellores opcións (unha vez amortizados os gastos iniciais) para quen simplemente quere ter banda larga de calidade no fogar e non ten interese na combinación de contratos de servizos de telefonía e televisión.
Este servizo anunciado como «a fibra máis inxenua», ten un prezo de 34,6 euros/mes, precisa de pagar 150 euros de alta e 40 euros polo router, carece de promocións e permanencias e nin sequera inclúe teléfono fixo (aínda que tampouco hai que pagar a cota de liña, gasto que outros operadores tenden a ocultar ao anunciarse), ou sexa, que pese ao eu prezo atractivo, ten serios atrancos para captar novos clientes. De feito, para facilitar a contratación a cota de instalación pode fraccionarse, pagando 50 euros co comezo e logo 10 euros/mes durante 10 meses, mentres que para o router facilitan a compra dun ZTE ZXHN F680 con Wi-Fi AC por 40 euros (que integra ONT o que simplifica a instalación).
A fibra de Pepephone achega conexións simétricas de 300 Mbps, aínda que polo momento aínda non contan cunha cobertura moi ampla, ofrecendo aos domicilio sen cobertura da rede de fibra óptica de MásMóvil a posibilidade de contratar un ADLS de 20/1 Mbps por 23,6 euros/mes que tería unha alta de 50 euros, o que pode ser unha oferta interesante en moitos casos (por non contar con cota de liña).

PUBLICIDADE