Periscope aceptará retransmisións en directo dende fontes de vídeo externas

xoves, 13 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Inicialmente as plataformas como Meerkat e Periscope caracterizábanse por estar pensadas para retransmitir vídeo en directo a través do móbil, buscando así un uso espontáneo e informal, pero á hora de querer tirar proveito profesional destas plataformas de vídeo en directo a principal virtude convértese en todo un atranco, e para superalo anuncian Periscope Produce, un novo xeito de retransmitir en directo a través de Periscope que permitiría empregar fontes de vídeo externas de alta calidade, de xeito que en Periscope e Twitter xa non se ofrecerán só retransmisións feitas cun móbil, senón que estarán dispoñibles emisións con calidade televisivas, mantendo a outras grande vantaxe desta plataforma: a interacción cos espectadores a través de comentarios e corazóns.
Dende Periscope levan semanas probando esta tecnoloxía, o que facilitou que, por exemplo, moitos medios realizasen retransmisións profesionais antes e despois do debate presidencial norteamericano, e, en definitiva, supón unha nova canle de transmisión para as organizacións de novas, que teñen así un novo xeito de chegar aos espectadores.
Con Producer será posible que agora vexamos en Periscope retransmisións de espectáculos, conferencias e outros eventos, que poderán abrirse ao mundo a través de solucións semellantes ás que actualmente temos con YouTube (de feito, funciona con solucións como Wirecast, moi popular nas emisións a través de YouTube), pero co atractivo que ten esta nova plataforma para usuarios móbiles. As retransmisións realizaranse a 800 Kbps, cunha resolución básica de 960 x 540 píxeles a 30 imaxes por segundo para garantir unha reducida latencia, aínda que no caso de informativos e congresos, nos que o normal é que a imaxe estea bastante estática, será posible optar por unha resolución de 1280x720 píxeles a 900 Kbps, co que conseguiríase unha calidade bastante boa.
As compañías interesadas en realizar retransmisións en directo a través de Periscope Producer teñen dispoñible un formulario en liña para poder inscribririse no programa de proba desta nova solución de vídeo en vivo.

PUBLICIDADE