Pexego desenvolve un simulador universal para tódolos procedementos industriais

mércores, 12 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Pexego vén de deseñar unha ferramenta informática que posibilita crear nun computador unha imaxe fidedigna dun procedemento industrial calquera. A firma, con sede e Lugo e integrante da asociación Ineo, enche deste xeito un importante oco na oferta tecnolóxica galega e estatal, e faino botando man da súa experiencia, xa que o que agora presenta é unha evolución e unha ampliación dos recursos de simulación aplicados no sector lácteo. Segundo se informa na prensa galega, demanda non lle vai faltar ao novo desenvolvemento de Pexego, xa que unha das claves da competitividade e do medre produtivo de hoxe é acadar servizos que axuden a facer máis doados e rápidos os procesos industriais.
O abano de posibilidades da ferramenta é ben amplo, e pode ser aplicada a calquera ámbito produtivo ou sector, informan os seus responsables.
O simulador de Pexego, en cuxa posta en marcha colaboraron varias universidades e un programa europeo, achega tamén o beneficio da carretabilidade. Dito doutro xeito: énos posible descargar o programa e albergalo nun dispositivo USB, dándolle uso logo dende calquera equipo informático ou aparello móbil con acceso á Rede.
O programa, que non precisa instalación, é compatible con calquera navegador en liña. A súa gran vantaxe reside no aforro de custes e de esforzos que supón para calquera compañía, informan os responsables da empresa con sede en Lugo. Sobre este punto e para ir facéndonos unha idea dos seus beneficios, o seu emprego faría que deixase de ser necesaria a realización de plantas piloto, que en case tódolos casos precisan unha chea de cartos para a súa posta en marcha.

PUBLICIDADE