Piden rescate por documentos do desenvolvemento de Cyberpunk 2077

xoves, 8 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos meses estamos a ver como unha práctica bastante habitual a intrusión en sistemas informáticos para secuestrar material (filmes, series de televisión...) e logo pedir un rescate para a súa recuperación, ou sexa, para evitar que se filtren á Rede, provocando un efecto moi duro no seu valor comercial, pero agora dende CD PROJEKT RED, estudio detrás da franquía de The Witcher, dan conta de que esta lacra tamén chegou ao sector dos videoxogos.
Ao parecer, veñen de recibir varios dos seus documentos internos supostamente roubados por parte dunha fonte descoñecida que demostran que tiveron acceso ao material de traballo da súa vindeira grande produción, Cyberpunk 2077, pedindo un rescate para non publicar o material na Internet. Dende o estudio polaco optaron por non ceder á chantaxe, e contactaron coas autoridades, á vez que tamén advirten de que os documentos que terían sido filtrados corresponden a unha fase moi inicial do xogo, de xeito que non representaría en absoluto a visión que actualmente teñen de Cyberpunk 2077, e chaman a non confiar e filtracións que poidan realizarse no futuro, sendo CD PROJEKT RED a única fonte oficial sobre este prometedor xogo.

PUBLICIDADE