Pídenlle á Xunta maiores apoios para o audiovisual galego

martes, 3 de agosto do 2010 Fernando Sarasketa

Profesionais e asociacións do sector audiovisual galego veñen de amosar a súa preocupación pola situación actual da industria que representan, que precisa para o seu medre da participación de entidades públicas alleas que apoien, promovan (polas canles tradicionais e polas que imprime o eido dixital) e consuman o que do sector abrolla. Máis polo miúdo, a industria galega esixe a reactivación do investimento da Xunta no audiovisual galego, que ao xuízo estaba “paralizado”.
Detrás desta petición atópase unha fronte común formado por AGA, AAAG, AEGA, AGAG, AGAPI, APRADOGA, ATEGA, CREA. Todas estas entidades coinciden en pedir unha solución urxente para que a TVG “volva a apostar pola nosa industria” e para que o Goberno incremente as axudas dirixidas ao sector. En opinión desta fronte común, “a falta de resolución das axudas da Xunta ao audiovisual galego para o ano 2010 (o 7,31% do total do negocio das empresas galegas privadas) pon en perigo o traballo de máis de 1.200 profesionais”.

PUBLICIDADE