Play-Doc esperta furor no eido internacional polos seus obradoiros

luns, 21 de marzo do 2011 Raquel Noya

A vila pontevedresa de Tui, está a contar os días que restan para darlle o pistoletazo de saída a unha nova edición do festival de documentais máis importante do noso país: o Play-Doc, que a partir do vindeiro 30 de marzo, e ata o 3 de abril, celebrará a súa sétima edición.
Este Festival Internacional made in Tui caracterízase, entre outras cousas, por ter un dos públicos máis activos e numerosos do panorama nacional de festivais (e iso sábeno ben os que cada ano por estas datas se achegan ata a vila para revivir o ambiente festeiro que hai en torno a cada proxección) e tamén, (e cada vez máis) polo seu compromiso e apoio aos novos talentos audiovisuais.
Nesta sétima edición, a organización de Play-Doc porá en marcha a terceira entrega de O Retrato Filmado, unha das súas marcas da casa, que xa no 2009 recibiu a varios cineastas chegados dende diversos lugares de España e Latinoamérica para retratar unha serie de habitantes de Tui (vemos un exemplo na imaxe).
“O resultado desa primeira experiencia foi tan sorprendente como revelador”, afirman dende a organización, “marcando a tendencia pola que ían discorrer a maior parte das actividades formativas do festival”.
Este ano, cineastas e personaxes volverán a reencontrarse, “convivindo xuntos e explorando os diversos aspectos que constitúen a mirada cinematográfica, xesto fundacional do cinema documental.”
O taller, que xa deu comezo, prolongarase ata o peche do festival, cando se poderá ver o resultado a través dunha nova película coral na que estarán presente tanto os realizadores como as súas personaxes retratadas.
Asemade, a través do seminario Docs in Progress, que tivo lugar o pasado decembro en Tui, Play-Doc dou un paso decisivo “no seu compromiso ao apoio de novos talentos, apostando claramente por novas vías de formación e produción orientadas ao desenvolvemento de proxectos”.
Con ámbalas dúas iniciativas, dirixidas pola produtora e docente catalá Marta Andreu, (coordinadora do prestixioso Máster de Creación Documental da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona), Play-Doc chama a atención no circuíto internacional de festivais, non só pola orixinalidade e novidade das propostas, senón tamén pola alta calidade dos seus resultados, que en breve se darán a coñecer por todo o mundo e que levarán o selo distintivo de Play-Doc Workshops (os obradoiros de Play-Doc).
Nun momento no que se poñen en cuestión as vellas fórmulas de produción e difusión audiovisuais, o festival tudense pretende, a través destes obradoiros, “recuperar aqueles aspectos máis creativos, e a fin de contas máis esenciais, da realización cinematográfica”.

PUBLICIDADE