Plex Cloud abandona a súa beta pechada

xoves, 9 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Tras un bo tempo en probas o servizo Plex Cloud ábrese a todos os subscritores de Plex Pass, de xeito que os que queiran gozar desta atractiva prestación só terán que pasar por caixa (sen ter que agardar a ser incluído no programa pechado de probas), o que abriralles a posibilidade de non ter que correr un servidor Plex nun ordenador ou disco duro en rede, senón que poderán gozar das vantaxes de Plex con contidos almacenados nos servizos de almacenamento na nube de Dropbox, Google Drive e OneDrive (persoal). Por desgraza o sistema retirou a compatibilidade con Amazon Drive (que tiña almacenamento ilimitado na nube) por non conseguir operar con estabilidade con tal plataforma.
Estamos ante o meirande incentivo para contratar Plex Pass, servizo que custa 4,99 euros/mes (ou 39,99 euros/ano), e que ate o momento tiña só un reducido número de prestacións reservadas para subscritores (como a sincronización entre dispositivos ou a posibilidade de gozar de varias contas de usuario), pero que ao facilitar o uso dun servidor Plex na nube gaña enteiros, por achegar un xeito moi cómodo de gozar de Plex dende varios dispositivos e incluso en mobilidade, sen ter que ter un servidor acendido as 24 horas.
Para os que non o coñezan, Plex é un servidor de contidos multimedia, que permite transmitir as nosas coleccións de fotografías, música e vídeos en calquera momento e lugar a calquera dispositivo que conte cunha versión da aplicación cliente de Plex (ordenadores, consolas de videoxogos, televisores conectados, smartphones, tabletas...) contando cunha interface atractiva que engade información sobre os contidos (como portadas e sinopses de películas e series de televisión) e incluso permite levar un control dos contidos reproducidos (marcando se algo xa se veu e conservando o último punto de reprodución), no que podería describirse como un Netflix coa nosa colección multimedia persoal.

Vídeo promocional de Plex Cloud

PUBLICIDADE