Plex padece unha intrusión nos seus sistemas

mércores, 24 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Unha das plataformas de administración de coleccións audiovisuais para o seu consumo doméstico, Plex, está a advertir aos seus usuarios dun incidente de seguridade que tivo lugar onte mesmo, no que detectaron un acceso sospeitoso ás súas bases de datos, descubrindo que alguén alleo á compañía conseguiu acceder a unha parte dos nomes de usuario, enderezos de correo electrónico e contrasinais cifrados, sen afectar aos datos de pagamento dos usuarios (que non están almacenados nos servidores do servizo).
Ante esta situación dende Plex están a actuar con grande transparencia, asegurando que están a tomar medidas para corrixir os fallos de seguridade que permitiron a intrusión nos seus sistemas e recomendando a todos os usuarios que teñan unha conta de Plex que muden os seus contrasinais para unha maior seguridade. Aproveitan para lembrar que Plex nunca preguntará aos usuarios por un contrasinal ou un número de tarxeta bancaria por correo electrónico, e tamén recomendan activar a autentificación de dous factores se queren gozar dun maior nivel de seguridade.
Plex é un dos servizos máis populares para organizar e acceder aos nosos contidos audiovisuais, pois facilita a creación dunha especie de Netflix persoal de xeito que as nosas coleccións de contidos están accesibles a través de aplicacións móbiles, de consolas de videoxogos e de televisores conectados son complicacións e cunha interface moi completa, facendo moi doado e atractivo o consumo audiovisual no ámbito privado.

PUBLICIDADE