Plexus abre unha delegación en Londres

luns, 18 de febreiro do 2013 Redacción

Antonio Agrasar é o conselleiro delegado da compañía

Plexus vén de abrir unha nova oficina na capital británica, de xeito que dá continuidade ao proceso de internacionalización iniciado o ano pasado coa apertura dunha delegación en México D.F. A nova oficina londiniense centrará as súas operacións nos ámbitos tecnolóxicos educativo e sanitario, dous dos sectores nos que Plexus especializou as súas vendas ao longo dos anos.
En opinión do conselleiro delegado da compañía, Antonio Agrasar, "a internacionalización da empresa supón, ao abrir mercados para os nosos servizos e produtos, unha garantía de mantemento e incremento tanto do número coma da calidade dos postos de traballo que creamos en Galicia e no resto de España".
A compañía tecnolóxica realizou o ano pasado as primeiras vendas en Panamá e xa se encontra en negociacións para pechar outros acordos en países como Colombia, Perú, Brasil e Uruguai, ademais doutras iniciativas en países europeos como son Portugal, Italia e Francia. Dentro do desafío internacional da compañía, tamén se encontra a prospección de mercados en Marrocos.

PUBLICIDADE