Pocket Casts estrea versión para Windows Phone 8.1

mércores, 29 de abril do 2015 Marcus Fernández

A popular aplicación de administración, descarga e reprodución de podcasts Pocket Casts ten como lema “escoita os teus programas favoritos nun único lugar”, ou sexa, que busca que poidamos consumir podcasts a través de distintos dispositivos, de xeito que temos un reproductor web para empregar no ordenador e aplicacións para dispositivos móbiles, que por fin pechan o círculo, e tras contar con populares aplicacións para iOS e Android, estrea agora versión para Windows Phone 8.1, á venda por 3,99 euros.
Esta ferramenta non só facilita o descubrimento de entre máis de 200.000 podcasts e permite a súa descarga (incluso en segundo plano), senón que tamén sincroniza as subscricións e reproducións entre as distintas plataformas nas que empreguemos Pocket Casts, de xeito que podemos continuar a escoitar no ordenador un episodio que deixamos a media en mobilidade e viceversa, facilitando moito o consumo deste tipo de contidos.
A aplicación tamén conta con filtros (por exemplo, para consultar os episodios por categorías), control de velocidade (entre 0,5x e 2,0x), facilitades de control (que permítenos incluso programar que certos episodios se inicien a partir nun tempo concreto para evitar a súa sintonía de introdución) e un deseño pensado en Windows 10, para que a aplicación poida adaptarse para o futuro sistema operativo de Microsoft.

Capturas de pantalla da versión para Windows Phone 8.1 de Pocket Casts

PUBLICIDADE