Poesiagalega.com: nova comunidade web dedicada ás nosas letras

martes, 25 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Galiza reborda de cartafoles de poesía que fican no silencio, ben por darse os seus autores contra o muro de pedra que é a precariedade do mercado editorial, ben porque aínda non atoparon o pulo que precisaban para dalos a coñecer. Co fin de gañarlle terreo ó silencio, un equipo de vates de Galiza vén de poñer en marcha Poesiagalega.com, unha web desenvolvida coa axuda da firma Entercom e que xorde (en termos dos seus propios responsables) “co obxectivo de ofrecer un espazo para que toda persoa que escriba poesía en Galicia poida publicar a súa obra de xeito gratuíto”. Alén diso, o sitio abrolla coma a semente dun futuro arquivo literario encamiñado a “reflectir o máis fondo da cultura galega”.
Segundo sinalan os administradores da web, o único que se nos pide para formar parte deste novo grupo literario en liña é encher o formulario de rexistro cos nosos datos persoais e logo inserir unha breve resención biográfica e, en caso de tela, bibliográfica. Outro dos puntos salientables da web é o seu apartado de poesía visual, un espazo onde se poden pendurar traballos de tipo gráfico. Asemade, tamén se anima ós internautas a achegar novas de interese e suxestións sobre a proposta. Visto en Chuza!

PUBLICIDADE