Polémica e decepción ao redor da presentación dunha nova plataforma social en Vilagarcía

luns, 14 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Socialtrend.com presentouse nun evento en Vilagarcía de Arousa

A semana pasada comentamos que Vilagarcía de Arousa ía acoller a presentación dunha nova plataforma dixital en liña chamada SocialTrend, que estrearíase o venres en probas e que aspiraba a unha implantación comercial en 43 países, así como superar os 100.000 usuarios cando chegasen á súa versión oficial en 2012, pero o evento, que puido seguirse en directo a través de streaming, resultou estar moi lonxe do anunciado, converténdose nunha presentación comercial das distintas liñas de negocio do que parece ser unha empresa de marketing multinivel durante unhas 2 horas, para rematar amosando unhas imaxes de Socialtrend.com, páxina web que pouco tiña que ver co anunciado polos organizadores do evento, o que causou malestar entre varios profesionais do sector TIC galego, que manifestaron a través de Twitter e outras canles electrónicas a súa decepción.
Inicialmente falábase de que este lanzamento dende Galicia botaría a andar con 20.000 usuarios (cando na práctica tiña pouco máis de 60) e durante a súa presentación comentábase que o evento estaba a ser seguido a través de streaming por parte de 34.000 persoas de todo o mundo (cando nos momentos de máis actividade había 110 usuarios activos).

A nova plataforma en probas limitouse a unha instalación da ferramenta iSocial e vulnera claramente a lexislación española (concretamente a LSSI-CE e a LOPD)

Tamén deu bastante que falar o feito de que Socialtrend.com non fose máis que unha instalación do script iSocial (á venda por uns 215 euros) nun servidor en Andorra, o que claramente non se corresponde coas declaracións de que “nun ano será a rede social con maior penetración no mercado mundial” que puideron lerse na prensa, así como o feito de que o novo espazo web non cumpra a Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal nin a Lei de Servizos da Sociedade da Información e do Comercio Electrónico, ao non estar axeitadamente identificada e contar cunhas seccións de termos do servizo e política de privacidade en branco.
Precisamente a atención mediática ante o evento organizado o 11/11/11 levou a que os responsables da rede social galega Cabozo (habitualmente críticos coa pouca presenza dos proxectos TIC galegos nos medios de comunicación) fixesen burla da presentación de Socialtrend.com anunciando que o 12/12/12 ían organizar o tecno hórreo en Combarro, engadindo comentarios na liña dos empregados polos responsables da páxina web presentada en Vilagarcía.
Estas reaccións van na liña doutros proxectos que conseguiron certa repercusión na prensa nos últimos meses, mentres que as empresas do sector TIC galego, con proxectos moito máis sólidos, non son quen de chegar ao público xeral a través dos medios de comunicación tradicionais.

PUBLICIDADE