Polémica eliminación de Twitter dunha conta de usuario na que parodiaban a Mariano Rajoy

xoves, 10 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Unha das entradas de @NanianoRajoy máis compartidas a través de Twitter

Parece que os políticos non acaban de entender o funcionamento das plataformas de redes sociais na Internet e as consecuencias de certas prácticas na súa reputación, como demostraron co feito de que os responsables do Partido Popular denunciaron por suplantación de identidade a unha conta de usuario de Twitter chamada @NanianoRajoy, na que se facía burla do candidato do PP con certo humor, e claramente sen levar a engano a ninguén, o que provocou unha reacción de oposición en Twitter, facendo que chegue a tema do momento o hashtag #freenaniano, con usuarios reivindicando a conta de usuario que finalmente foi eliminada polos responsables do servizo.
Os tuiteos máis populares de @NanianoRajoy poden consultarse en Favstar.fm, deixando claro que estabamos ante unha parodia, e non ante unha suplantación de personalidade, que vulneraría as normas de Twitter, pero resulta evidente que o criterio para distinguir entre tales prácticas é subxectivo, especialmente neste caso no que Naniano empregaba no seu perfil de usuario a mesma imaxe que o Mariano real.
O que si resulta evidente é que actuar contra este tipo de parodias o único que fai é destacalas, conseguíndose coa súa eliminación o efecto contrario ao buscado (sen ir máis lonxe, na mesma liña de @NanianoRajoy temos agora a @MarianoBajoy).

PUBLICIDADE