Política Lingüística e a UVigo enxalzan as moitas vantaxes de exercer de galegofalantes nas redes

xoves, 11 de abril do 2019 Redacción

Xa se vai achegando a nosa gran celebración tecnolóxico-cultural do ano, o 17 de maio (Día das Letras Galegas e Día de Internet), e as nosas entidades van pechando fileiras arredor desta feliz e significativa confluencia da nosa cultura cos díxitos. Por exemplo a Secretaría Xeral de Política Lingüista e a Universidade de Vigo, que hoxe certificaron o seu compromiso a prol do uso da nosa lingua nas redes sociais. Fixérono esta mañá no marco da xornada organizada pola Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e máis a Área de Normalización Lingüística (ANL) da UVigo con motivo do Día das Redes Galegas, unha celebración que serve de moi acaído anticipo do que máis tarde celebraremos, tamén, o 17 de maio.
Por certo que o Día das Redes Galegas é, precisamente, unha actividade organizada ao abeiro da alianza entre a Universidade de Vigo e a Secretaría Xeral en materia de normalización lingüística.
No transcurso da celebración, Valentín García lembrou que o galego “ten unha presenza importante nas redes sociais porque a cidadanía galegofalante, e moi especialmente a mocidade, xa non cambia de idioma cando escribe ou en función do medio en que se desenvolva, o que demostra seguridade, aprecio pola propia lingua e a superación dalgúns dos prexuízos que limitaban o seu uso”. Ao mesmo tempo, o secretario xeral de Política Lingüística salientou “o importante papel dos xestores profesionais de contidos”, a quen animou a “continuar contribuíndo tamén co seu traballo á cantidade e á calidade do galego en Internet”.
Canda o secretario xeral de Política Lingüística participaron no acto inaugural da xornada, por parte da UVigo, Jorge Soto, vicerreitor do Campus de Pontevedra; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; Fernando Ramallo, director da ANL, e Xabier Rolán, coorganizador da xornada amais de profesor da Facultade de Ciencias Sociais. Este último, comentou que “encher de galego as redes constitúe o obxectivo central do Día das Redes Galegas, unha xornada centrada en falar de medios sociais e de contidos dixitais en galego, feitos por galegos e galegas ou para galegos e galegas”.
A xornada tamén incluíu a presenza activa de tres profesionais formadas no devandito centro do campus pontevedrés, Jennifer Álvarez, Laura Bastón e Adrián Aira, e a xornalista Alba Mancebo, que foron os protagonistas dos coloquios programados.
Jennifer Álvarez, creadora de contidos dixitais en Antena 3, mostrou ante o alumnado ás principais estratexias de promoción e difusión de contidos en redes nun relatorio que centrou no “éxito no medio dixital” das series Fariña e La Casa de Papel e o programa La Voz.
Pola súa banda, Alba Mancebo, traballadora do Departamento de Contidos Web da TVG, abordou a aposta deste departamento pola creación de contidos propios para redes, desenvolvendo unha serie de vídeos informativos e divulgativos que mesmo acabaron tendo presenza na propia televisión, explicou. “No 2018, preto de 400.000 persoas seguiron os contidos da CRTVG nas redes sociais de maneira habitual o que supuxo un incremento do 80% con respecto a 2017”, engadiu Mancebo.
Formada tamén na facultade pontevedresa, Laura Bastón, afondou nos detalles do seu labor na publicación dixital especializada Diariomotor, “nun posto que denominamos como back office”, que abrangue desde a edición de vídeos e a creación de pequenas pezas para promovelas en redes sociais”. Segundo fixo saber, “ao tratarse dun medio dixital, as redes sociais son unha parte a ter en conta para derivar tráfico e xerar ingresos coa publicidade, pero máis aló diso, tamén son unha pata importante á hora de facer marca e xerar comunidade”.
Pola súa banda, Adrián Aira, xestor de proxectos dixitais na axencia Elogia, abordou o papel que a rede social Linkedin xoga á hora de obter oportunidades de traballo. Segundo comentou, a dita rede é imprescindíbel “se queres dedicarte a este mundo, sexa na disciplina que sexa”. Amais, fixo fincapé en que, alén da figura do community manager, o mundo dixital require de “moitos outros perfís creativos, estratéxicos e analíticos”.
Unha xornada para xuntar forzas arredor da lingua
Coordinado polos profesores Xabier Rolán e Alberto Dafonte e organizado pola facultade e a ANL, coa colaboración da Vicerreitoría do Campus e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a inauguración deste Día das Redes Galegas contou coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. “Este tipo de eventos son fundamentais para entendernos”, salientou Soto na apertura dun foro que se estendeu ás propias redes a través da etiqueta #redesgalegas. Segundo explicou Valderrama, as redes sociais non son algo polo que teñamos que apostar porque “é o futuro, son o presente”, ao tempo que incidiu na “aposta forte” de CCSS e da Comunicación por abordar esta realidade desde o punto de vista formativo, xa desde o ano 2007.
Nese mesmo senso, Rolán lembrou que polas cinco edicións desta xornada pasaron preto de 15 profesionais formados no centro, “que o que fan é referendar a aposta decidida desta casa por unha formación específica en redes sociais, que este curso deu un paso máis” coa posta en marcha do mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, que coordina Dafonte, responsable de moderar o coloquio que pechou a xornada.

PUBLICIDADE