Ponte Nas Ondas! celebra os seus 29 anos de andaina difundindo o seu modelo de boas prácticas

luns, 1 de abril do 2024 S. P.

A Asociación Ponte... Nas Ondas! vai celebrar esta tempada os seus 29 anos de historia, e farao con actividades que porán o foco na difusión do seu modelo de boas prácticas (recoñecido pola UNESCO), un modelo que fai fincapé nas posibilidades das novas ferramentas de comunicación e nos novos formatos (podcast) para impulsar a creatividade, o diálogo e a confraternidade entre a rapazada de Galicia e Portugal.
A orixe
Un 29 de marzo de 1995 as escolas das dúas beiras do Miño, naquel entón apenas 15, celebraban a inauguración dunha ponte internacional entre Salvaterra e Monção cunha xornada “experimental” de radio escolar. Esta xornada foi realizada integramente por alumnado de escolas galegas e portuguesas desde dous estudios radiofónicos, o da emisora Ecos da Raia de Monção e os estudio escolar instalado na biblioteca da Casa da Cultura de Salvaterra.
“Aquelas 13 horas de radio crearon nas comarcas veciñas un impacto que transcendía non só o ámbito escolar senón tamén as fronteiras que se rachaban nas ondas e que a ponte física viña unir”, sinala o equipo impulsor da asociación, que lembra que dende entón “a experiencia de Ponte... Nas Ondas! foi evolucionando e marcando fitos que xa forman parte da historia de Galicia e de Portugal”. Por exemplo a creación en 1998, na terceira edición da xornada radiofónica, da primeira emisión de radio por Internet. Ou, en 2004, o impulso á candidatura das tradicións orais galego portuguesas ás Obras Mestras do Patrimonio Cultural Inmaterial, a primeira candidatura mundial a UNESCO promovida por centros educativos de dous países. Ou, tamén, a inscrición como modelo de boas prácticas de PNO! por parte da UNESCO.
Presentación en Lisboa
Unha delegación de PNO! viaxará a Lisboa do 2 ao 3 de maio para presentar o modelo no Centro Galego e no instituto Ginés de los Ríos. Un grupo de alumnado do IES de Salvaterra de Miño realizará un magazine radio-visual conxuntamente con alumnado portugués coa participación de persoas portadoras do PCI e a intervención dunha representación musical galega e portuguesa con convidados como o Cuarteto Caramuxo, a cantante Uxía, João Afonso e António Zambujo.
Coa vista no 30 aniversario
A Asociación prepara a celebración no próximo ano do 30 aniversario no que haberá unha participación dos centros educativos que xa forman parte da rede e tamén doutras entidades que veñen colaborando coa experiencia como as universidades, as emisoras de radio e outras institucións como a AECT do Río Miño, o Consello da Cultura Galega, as Deputacións de A Coruña e Pontevedra e a Xunta de Galicia.
O Centro do Patrimonio
O edificio da vella alfândega de Valença do Minho prepárase para acoller un centro de referencia para o patrimonio común galego-portugués e no que a experiencia de PNO!, impulsora do proxecto, vai ter unha participación destacada para dinamizar o espazo e para convertelo nun punto de encontro para as actividades culturais e educativas de Galicia e do Norte de Portugal.

PUBLICIDADE